Wednesday 24 de April de 2024

Avanzan a bo ritmo as obras de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín


O investimento aproxímase aos 183.000 euros

O Concello de Fene está levando a cabo desde hai dúas semanas unha nova fase de melloras da accesibilidade no barrio de San Valentín. Tralo inicio dos traballos, o resultado xa vai sendo visible a medida que avanza o cambio das beirarrúas que circundan as torres I, II e III -os edificios máis altos do barrio-, aínda que o proxecto tamén inclúe o que non se ve, como é o cambio da rede de sumidoiros e da evacuación de pluviais. Ademais tamén se vai acondicionar a zona de aparcadoiro cunha nova capa de aglomerado. As obras, cuantificadas en 182.710 euros -IVE incluído-, fináncianse con cargo aos fondos do POS+ e son a terceira actuación dos últimos anos na zona máis populosa de Fene, onde desde 2018 se executaron proxectos similares nos bloques de vivendas II e V e III e IV.

O obxectivo municipal con este novo proxecto é proseguir coa actualización da accesibilidade e dos servizos básicos nun barrio que en 2021 fixo os 50 anos e que cando se deseñou non contemplaba as necesidades actuais de quen viven nel. E é que San Valentín é o núcleo de Fene cunha densidade de poboación máis alta, pero tamén cunha idade media máis elevada. Por esta razón a prioridade das melloras que se veñen facendo nos últimos anos é a eliminación de barreiras arquitectónicas, ademais de darlle un aspecto máis moderno aos espazos e equipamentos comúns.

Por outra banda o barrio tamén require unha actualización do sistema de drenaxe de augas fecais e pluviais de cara a cumprir coas esixencias ambientais e para solventar os problemas de filtracións e roturas que acumula unha rede soterrada con medio século de antigüidade.

Entre 2018 e 2021 levouse a cabo a reurbanización dos bloques II, III, IV e V substituíndo canalizacións, reparando beirarrúas, instalando novo mobiliario urbano e aglomerando as rúas interiores.

O proxecto que está agora en marcha ocúpase da zona central do barrio, onde se encontran as Torres I, II, e III. Seguindo o plan iniciado en fases anteriores, nesta van renovarse os servizos básicos e acondicionaranse as zonas de paso que rodean -e enlazan- os tres edificios, incluída a zona de aparcamento con máis de 40 prazas que dá á Avenida da Cooperación.

182.710 € de investimento
Construcciones González y González S.L. foi a ganadora dun concurso ao que se presentaron un total de 13 empresas. O importe da obra ascenderá a 182.710 euros, IVE incluído, e o prazo de execución máximo son 4 meses.

Segundo comentou o responsable de Obras, Justo Ardá, co ritmo ao que están avanzando os operarios “posiblemente se remate a finais do verán ou principios do outono, sempre que non haxa contratempos”.

O edil e máis o alcalde, Juventino Trigo, sinalan que esta nova fase “sen dúbida fará de San Valentín un barrio máis habitable, máis agradable e con infraestruturas básicas deste século, non do pasado”.